domingo, 24 de marzo de 2013

1º ESO: "Palabras de auga" de Marcos Calveiro

Este ano a primeira lectura do curso para o grupo de 1º ESO, os novos integrantes do Liber Amoenus, é o último Premio Merlín (2012): Palabras de auga de Marcos Calveiro.

Marcos Calveiro é xa un nome ben coñecido dentro da literatura xuvenil e tamén de adultos. “Eu non distingo cando fago unha novela a que público vai dirixida”, confesa este autor vilagarciano, aínda que afincado dende a súa infancia en Vigo.

“As historias xurden e alí vou”, sinala o escritor Marcos Calveiro.

Gañador de numerosos premios (entre outros, foi Premio da Crítica 2008) só lle faltaba ata agora nos seus andeis o Premio Merlín, que outorga Xerais, o máximo galardón para un escritor galego de literatura xuvenil.

Palabras de auga traslada ao lector cara ao interior da África máis profunda. 







Gracia Santorum dinos sobre esta novela:

Un libro que nos transporta á África máis profunda, a esoutra realidade á que tan doadamente lle damos as costas, a un lugar calquera de esa inmensidade continental onde o sufrimento é continuo e a busca de alimentos a única opción de supervivencia. E, de fondo, a dor máis profunda, o sufrimento de perder un ser querido sen ser a morte quen cause este sentimento; porque hai moitos xeitos de morrer, ou moitas maneiras de marchar. E nese fondo, dicimos, está a guerra, a explotación, ese lado do ser humano que nos achega aos animais para esquecérmonos de sentimentos e corazón. E xunto a este maremagnum de argumentos, temos un protagonista, Amadou, que debe medrar aprendendo que o sufrimento da nai é imprescindíbel para protexelo, que o proteccionismo afastado do pai é un xeito de educación, e que a valentía forma parte intrínseca do ser humano e revélase cando menos un a agarda. Noutro plano, asemade, as mulleres como pedra angular da tribo, como mestras caladas e sufridas, como sustento de futuro.
E aínda que estamos ante un libro "infantil", ollo!, será necesaria unha lectura profunda e atenta antes os continuos flashbacks que van artellando a historia. Unha historia necesaria, sen idade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario